Thursday 16 de May de 2024

Unha exposición na sala Museo Municipal reflicte a evolución de Riveira dende 1800 a 1906 co Porto como eixo central


O andar baixo da Sala Museo Municipal inaugurou na tardiña de onte a primeira das exposicións temporais a que vai dar cabida esta instalación a partir de agora. Trátase de “Riveira: 100 anos de actividade portuaria”.

Numerosos veciños estiveron presentes no acto de apertura, que estivo presidido polo alcalde Manuel Ruiz e contou coa intervención tamén do responsable do museo, Miguel Ángel Vidal.

Por medio de paneis nos que se reflicten antigas fotografías e documentos procedentes do arquivo histórico, preténdese achegar ao visitante unha sucinta visión da xestación da cidade riveirense a través do seu motor: o porto, centrándose en cinco temas concretos: a súa conformación, a sanidade marítima, os perigos do mar, a importancia dos fomentadores cataláns e a concesión do título de cidade. O período abrange entre 1800 e 1906, cen anos onde a poboación se duplicou de 6.000 a máis de 12.000 persoas.

Manuel Ruiz adiantou que exposicións coma esta se seguirán desenvolvendo na sala museo co fin de dinamizar esta instalación e o seu entorno.

A mostra, integrada na programación do Xuño da Cultura e as Artes, estará aberta ata o 28 de xullo.